Tuesday 07 de May de 2024

O GES de Brión rescata a unha persoa atrapada debaixo do brazo-grúa dun tractor na parroquia de Bastavales (Brión)


O Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Brión rescatou esta tarde a unha persoa atrapada debaixo do brazo-grúa dun tractor nunha finca forestal entre as aldeas de Casuxa e Fontao, na parroquia de Bastavales (Brión). O GES recibiu o aviso do 112 ás 15:35 horas e desprazouse ao lugar do accidente coa Bomba Urbana Lixeira e a dotación de garda no posto.

Unha vez no lugar, liberaron á persoa atrapada e colaboraron cos sanitarios do 061 para levalo ata a ambulancia e proceder ao seu traslado ao CHUS. Unha operación na que tamén participaron membros da Policía Local de Brión, Garda Civil do Milladoiro e unha ambulancia medicalizada do 061.